A ESCOLA GALEGA DE TEATRO MUSICAL PRODUCE "O CANDIL, UN MUSICAL GALEGO"

22.10.2019

A Escola Galega de Teatro Musical, produce o seu primeiro traballo profesional, "O Candil, un musical galego". Baseado nas historias do cancioneiro galego, este musical, que que chegará ás salas no 2020, grazas á confianza de AGADIC e a Xunta de Galicia, pretende lembrar a figura da muller galega de principios do XIX.

Sabidas por todos, as cancións de comezo do século XX, agochan grandes historias do momento, e pasarán a converterse no primeiro Jukebox (musical de temas existentes) integramente galego. "O Candil", como espectáculo de cuplé, é unha comedia musical interactiva, sobre tres mulleres moi distintas, que buscan o propio ser ante un momento de confusión e cambio da mentalidade global. Estamos en 1918, o fin da Gran Guerra deixa a Europa en ruínas. O mundo cambia, a reflexión sobre os erros do pasado revoluciona o mundo laboral, o artístico, o feminino... A Coruña, pasa a ser un dos núcleos políticos, artísticos e sociais que máis brillan. Chega o momento de falar desa cidade moderna e atrevida, obreira, culta e innovadora, que non tiña medo ó futuro e daba a mellor acollida ás máis diversas personalidades.

Sinopse: Carmen, tras unha longa xornada cargando peixe no porto da Coruña, consegue colarse nunha sala do Pabellón Lino, un famoso teatro de variedades. Vai acompañada da súa amiga Marica, unha atolada tabaqueira. Alí coñecerán a Elvira, sofisticada cupletista que organiza festas clandestinas para as grandes personalidades do momento. Esta, ve nas dúas mulleres boas calidades artísticas e invitaas a participar no seu show. Carmen e Marica acaban aceptando, case perdendo de vista, o propósito oculto que as levou ó teatro.